Unha man que acompaña, unha palabra que tranquiliza ou quedar ao lado de alguén cando non sabemos que dicir. Hai xestos que parecen pequenos e significan moito.
Desde onte, tras o accidente de tren de Urda, hai persoas atendendo os feridos, escoitando as familias e acompañando a quen está a vivir horas de medo, dor e incerteza. Nos hospitais, nos equipos de emerxencias, nos espazos de atención ás familias. Tamén nesas axudas que non saen nas noticias.
Hoxe, 29 de outubro, Día Internacional dos Coidados e do Apoio, queremos ter presentes a todas as persoas afectadas e a quen está a coidalas. Desde AFALU enviámoslles o noso apoio e o noso máis sentido pésame ás familias e ás persoas achegadas de quen perdeu a vida.
Cando falamos de coidar, falamos tamén disto. De atender unha ferida e de escoitar. De explicar con paciencia o que está pasando. De respectar un silencio e estar dispoñibles cando alguén nos necesita.
Na nosa asociación vivímolo cada día coas persoas con demencia e coas súas familias. Sabemos canto pode axudar sentirse escoitado, ter a quen acudir ou poder descansar un pouco porque outra persoa está aí.
Por iso hoxe queremos dar as grazas a quen coida. E lembrar que detrás dese traballo, sexa profesional ou na familia, hai persoas que tamén se cansan, sofren e necesitan apoio.
Quen coida tamén necesita ser coidado.




