A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Lugo (AFALU), organiza o terceiro concurso de pintura baixo o tema:»Todos somos diferentes: o meu avó tamén», grazas ó éxito alcanzado nas dúas edicións anteriores.
Este evento está dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos de idade, que participarán en dúas categorías: categoría pequenos xenios (de 5 a 8 anos de idade ou que cumpran os 5 anos ao longo de 2014) e categoría grandes talentos (de 9 a 12 anos de idade).
Co concurso búscase sensibilizar os nenos sobre a enfermidade de Alzheimer, para que eles poidan entender por que algúns avós se comportan de forma diferente e a gran importancia de axudarlles.
Os gañadores do concurso poderán optar a diferentes premios (un primeiro, segundo e terceiro premio por cada categoría), os cales serán donados por diferentes empresas. Os gañadores e os premios publicaranse a través da nosa páxina web (www.afalu.org) o día 12 de setembro de 2014.
Todas as obras presentadas expoñeranse durante o acto de entrega de premios e tamén figurarán na galería virtual que aparece nesta páxina web.