Comezamos o mes lembrando.
As persoas usuarias do Centro de Día de Alzheimer de Lugo participaron con Guido Guía en Recordando Lugo, unha actividade para percorrer a historia da nosa cidade a través dos lugares, das historias e dos recordos. Unha maneira diferente de traballar a memoria, conectándoa coa propia experiencia e co Lugo que moitas persoas levan dentro.
E o 21 de setembro saímos á rúa. Estivemos en diferentes puntos de Lugo: diante da Deputación Provincial, do Edificio Multiusos da Xunta de Galicia, do Concello de Lugo, no HULA e noutros lugares da cidade. Queriamos estar aí, falando coa xente, resolvendo dúbidas, achegando información e facendo visible o Alzheimer máis alá dos nosos centros.
Porque o Alzheimer non é só unha enfermidade. É a vida de moitas persoas que cambia, son familias que teñen que reorganizarse e son tamén homes e mulleres que pasan boa parte do seu día coidando.
Durante setembro tamén houbo tempo para aprender, para coidarnos e para compartir.
Con Punto a Punto, o ganchillo converteuse nunha boa escusa para xuntarnos, conversar e regalarse un pouco de tempo. Con A arte do Benestar Emocional, puxemos o foco nas persoas coidadoras e no seu propio benestar. E con Envellecer con Enerxía, levamos actividades e hábitos saudables a diferentes concellos da provincia.
Nos centros tamén seguimos traballando coa memoria e cos recordos. Memorias que deixan pegada permitiunos compartir experiencias entre persoas usuarias dos centros de día de Lugo e Cospeito, nun deses encontros nos que ás veces unha lembranza leva a outra e a conversa acaba tomando o seu propio camiño.
E tivemos unha noite moi especial.
A Gala AFALU: Música polo Alzheimer, no Círculo das Artes, xuntou música, familias, profesionais, entidades e moitas persoas que quixeron acompañarnos. As Escolas Mancomunadas de Música de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol puxeron a música a unha noite que gardaremos con moito cariño. 🎶
Tamén tivemos a sorte de contar coa presenza de representantes das distintas institucións e entidades que nos acompañan e que, dun xeito ou doutro, forman parte do camiño de AFALU.
Queremos agradecer especialmente a Raquel Arias Rodríguez, vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia; Alfonso Villares Bermúdez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; Elvira Paloma Fernández Domínguez, secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo; María Elena Candia López, alcaldesa de Lugo; Miguel Fernández Méndez, deputado provincial e concelleiro do Concello de Lugo; Eloína Ingerto López, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia; María Begoña Seco Varela, directora territorial da Consellería de Sanidade en Lugo; Luis Miguel Romera Pérez, comisario xefe provincial da Policía Nacional; Gustavo Enrique Díaz Rey, concelleiro de Política Social, Maiores e Migración do Concello de Lugo; Ana María González Abelleira, concelleira e tenenta de alcalde do Concello de Lugo e Cristina Ouro Núñez, vogal do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo.
Grazas por acompañarnos, por compartir esta noite con nós e por facer visible, tamén desde as institucións, a realidade das persoas con alzhéimer e outras demencias e das súas familias.
Para AFALU é importante sentir que ao noso lado hai persoas e institucións dispostas a escoitar, apoiar e sumar.
Tamén tivemos a oportunidade de achegarnos á investigación a través de Ciencia á Feira, nun encontro celebrado na Casa do Saber da USC con motivo do Día Mundial do Alzheimer.
Alí presentouse o vídeo “Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar”, unha peza realizada polo rquipo de Xuveciencia, que pon o foco na importancia de coñecer mellor a enfermidade, identificar os primeiros sinais e seguir avanzando na investigación .
Foi tamén unha oportunidade para falar do traballo que se está facendo desde o Campus Terra da USC, achegando á cidadanía investigación que ás veces parece quedar moi lonxe do día a día, pero que pode ser fundamental para comprender mellor o Alzheimer e buscar novas formas de prevención e tratamento. Dende AFALU achegamos tamén a nosa visión, a que nace do contacto diario coas persoas afectadas e coas súas familias. Porque a investigación e a atención ás persoas non son dous camiños separados. O que se investiga hoxe ten que servir para coñecer mellor, detectar antes e acompañar mellor mañá.
E así foi pasando setembro… Entre actividades nos centros, encontros cos coidadores, visitas, música, formación, prevención e moitas horas de conversa.
Pero se hai algo que nos queda deste mes son as persoas que estivestes ao noso lado.
As persoas usuarias.
As familias.
Quen coida cada día.
Os profesionais.
O voluntariado.
Os concellos e entidades que colaborades con nós.
E todas as persoas que vos parastes a preguntar, a escoitar ou simplemente a dicirnos: estamos con vós.
Grazas por acompañarnos neste setembro.
O Día Mundial do Alzheimer queda atrás, pero para AFALU o traballo segue mañá, e pasado, e todos os días.
Porque cada día conta💜





