“Castañas, noces e viño fan as delicias de San Martiño”

En Ourense os magostos celébranse o 11 de novembro, día de San Martiño, polo que no Centro de Día, pertencente á rede de Centros de Día de Alzheimer da Xunta de Galicia, aproveitamos para levar a cabo actividades adaptadas a esta data especial e non nos olvidamos de asar e comer as castañas e os típicos ‘bolos preñaos’, todo isto amenizado con boa música e pandeiretada.
A participación nesta e noutras festas tradicionais ten un impacto positivo nas persoas con Alzheimer e outras demencias a diferentes niveis. En primeiro lugar, é unha ferramenta moi útil e natural para traballar a orientación en tempo e espazo, facendo partícipes aos nosos maiores dos preparativos e o desenvolvemento da celebración.
Por outra banda, tamén se traballa a reminiscencia e a memoria autobiográfica a través da reprodución das tradicións, refráns e recordo de vivencias persoais e colectivas asociadas a esta celebración.
Por último, a participación nestas festas tradicionais fai que os nosos maiores se sintan integrados, tanto no grupo como na sociedade, o que inflúe directamente na súa autoestima, estado de ánimo e benestar.