Facemos o Camiño de Santiago dende os nósos centros

Tramo 1

Sarria-Portomarín

Hoxe en AFALU comezamos co noso particular Camiño de Santiago, onde representaremos os 100 últimos quilómetros do Camiño Francés.
As actividades comezan nesta primeira etapa, que será o Camiño de Sarria a Portomarín, e para conseguir completar este tramo os nosos usuarios terán que pasar por tres puntos en concreto desta etapa. Nos cales van ter que contestar a certas preguntas para recibir un selo e completar o traxecto do día de hoxe e así seguir co camiño mañá.
As preguntas que se lles realizarán terán que ver con aspectos lingüísticos e gramaticais, por exemplo: a palabra camiño, con que letra empeza? ou buscar dúas palabras que teñan dúas sílabas. Ao acertar cada cuestión selaráselle a súa tarxeta, a cal terá que ter tres selos para que este primeiro tramo estea completo.
Con esta actividade os nosos usuarios manteñen a súa mente activa traballando a súa linguaxe e a súa memoria. Tamén aproveitamos para que, seguindo o Camiño, fagamos uns días especiais de terapia divertida, complexa e funcional.

Tramo 2 

Portomarín-Palas de Rei

Esta mañá puxemos todo o noso empeño para realizar a segunda etapa do noso particular Camiño De Santiago. Quedábannos por diante 25 km dende Portomarín ata Palas de Rei e para amenizar a ruta fixemos unha visita virtual polos distintos puntos máis emblemáticos ou importantes do percorrido.
Con esta actividade a parte de desfrutar das vistas e a compañía, estimulamos a conversación dos nosos usuarios cando van describindo o que observan nas imaxes así como favorecemos o mantemento da orientación espacial e temporal e a memoria semántica.
Ademáis, como bos peregrinos que somos, prestamos especial atención á gastronomía típica de Galicia, enumerando un a un os distintos ingredientes que levan os pratos  máis característicos da nosa comunidade e collemos forzas para continuar con enerxía.

Tramo 3

Palas de Rei-Arzúa

Hoxe en AFALU os nosos peregrinos afrontan a etapa do Camiño de Santiago que se sitúa entre as localidades de Palas de Rei e Arzúa.
Desde a área de FISIOTERAPIA afrontamos unha longa etapa de 29’4 quilómetros onde nos atopamos curtas pero esixentes ramplas e desafíos que debemos liquidar para conseguir finalizar o tramo e rozar case a chegada a meta deste duro camiño:
– Nesta etapa os peregrinos deben sortear os obstáculos sen pisalos, traballando para iso o seu equilibrio e mostrando as súas habilidades previamente adestradas de prevención de caídas !
– Tamén deben camiñar longos tramos, tanto en liña recta como en zig- zag poñendo a proba a súa condición física.
– A continuación, deben exercitar as súas habilidades óculo-motoras de psicomotricidade para lograr encestar os aros nos conos e así poder acceder á seguinte proba!
– Ao comezar o tramo final deben conseguir coroar as pendentes do camiño e os chanzos para finalizar esta dura etapa.
– Por último realizar 3 ciclos respiratorios profundos e completos para volver á calma.
– E como non pode ser doutra forma, finalizar este tramo nunha estación de servizo onde os peregrinos que cheguen xustos de gasolina poidan encher para seguir con moitas enerxías o camiño que queda!!

Tramo 4

Arzúa-Pedrouzo

Continuamos co noso Camiño de Santiago, e como peregrinos/ as que somos o noso traballo empeza xa pola mañá cedo. Nos nosos talleres de laborterapia elaboramos o mapa do noso roteiro, hoxe toca o tramo Arzúa-Pedrouzo. Ademais deseñaremos nosas propias credenciais do peregrino.

Desde a área de psicoloxía de Afalu elaboramos un percorrido pensado para traballar o noso músculo máis importante, o cerebro. Partimos de Arzúa visualizando un breve vídeo que nos fala de sitios de interese desta localidade e da súa gastronomía, produtos tan típicos da zona como o coñecido queixo de Arzúa. Unha vez situados no punto de partida empezamos co noso “percorrido mental” polas diferentes localidades, en cada parada recibiremos un selo se conseguimos responder correctamente as preguntas do noso Trivial do Camiño de Santiago. Ao chegar á meta de hoxe, a localidade de Pedrouzo, onde atopamos un dos maiores albergues públicos da rede galega, a persoa que teña máis selos conseguirá a súa cuncha do peregrino, un das iconas máis representativas do Camiño.

Con todas estas actividades realizadas ao longo do día, conseguimos traballar diferentes aspectos como a orientación espacial (elaboración do mapa), coordinación e destreza manual nos talleres de pintura e manualidades. Atención, memoria de traballo e reminiscencia, tanto no visionado de vídeos e imaxes das zonas do camiño, como nas preguntas e respostas do Trivial.

Chegamos ao final da tarde á nosa meta de hoxe, sentimos contentos/ as porque traballamos xuntos/ as, rímonos, e compartido recordos. Volvemos a casa motivados/ as e con ganas de realizar a última etapa.

Tramo 5

Prodrouzo-Santiago de Compostela

Esta mañá en AFALU sacamos enerxía para facer a última etapa do Camiño Francés, saíndo desde Pedrouzo ata chegar ao noso destino final: a Catedral de Santiago.

Para completar estes últimos 20 km, os nosos peregrinos tiñan que completar actividades desde a área de Terapia Ocupacional. A primeira delas consistía en facer unha lista de todas as actividades básicas que iamos facer no día de hoxe antes de afrontar este reto, ordenar as secuencias temporais e dicir en que sitio do albergue onde nos hospedamos levariámolas a cabo. Con estas actividades os nosos peregrinos traballaron capacidades como a atención, a linguaxe e as funcións executivas.

Tras isto, fixemos unha parada para repoñer forzas na tenda a 5 km do noso destino, onde os nosos peregrinos tiñan que comprar varias cousas e identificar que produtos ían comprar @teniendo en cuenta o orzamento. Desta forma, clasificaban e recoñecían os billetes e as moedas, fomentando as actividades instrumentais da vida diaria como ir á compra e manexar o diñeiro.

E finalmente coas enerxías respostas… acabamos esta viaxe!

Esperamos que gozásedes tanto estas etapas do Camiño como os nosos usuarios, que tras superar todas as etapas e actividades de todas as áreas pasaron unha boa semana e demóstrannos que a imaxinación e as ganas poden con todas os quilómetros e que paso a paso, chégase ao noso obxectivo.