Esta semana parte do equipo técnico de Afalu tivemos a oportunidade de achegarnos ao colexio CPI López Suárez de Friol para compartir unha xornada con nenos e nenas de 3º e 4º de primaria, con todo o agarimo preparamos un taller co obxectivo sensibilizar ás novas xeracións sobre a enfermidade de Alzheimer.
Para empatizar coas persoas que sofren esta enfermidade e coas súas familias hai que saber un pouco en que consiste e cales son os seus principais síntomas.
Comezamos coa lectura dunha historia cuxo personaxe principal sofre Alzheimer, para pasar á parte máis dinámica do taller onde os/as nenos/as a través de distintos xogos poden experimentar na súa propia pel como se pode sentir unha persoa cando debido á deterioración cognitiva que sofre o seu cerebro non procesa a información que recibe da súa contorna de forma adecuada.
Moitas grazas por convidarnos ao voso colexio, foi moi gratificante e esperamos achegar un granito de area entre todos/as para facer máis visible esta enfermidade e lembrar que a mellor medicina para os nosos avós é o amor dos seus netos/as.